ACTÍVATE!

ACTÍVATE!

martes, 4 de novembro de 2014

A propia experiencia - Aportación como firma invitada

Orientadora ou [des]orientada?

Eu non son orientadora, senón que formo parte dese 16.6% de mulleres con titulación universitaria que se atopan actualmente en situación de desemprego, polo que o groso da miña experiencia coa orientación laboral dáse dende o outro lado da mesa, sendo eu a [des]orientada.

Como boa desorientada teño experiencia con orientadoras, en plural e por suposto en feminino.


Durante os cinco anos que dura a carreira de psicoloxía sempre tiven presa, quería rematar, quería ser psicóloga!! Considérome unha persoa con vocación,agora sei que iso está mal feito, que agora o intelixente é facer un estudio de mercado para observar cales poderán ser as profesións máis demandadas en 5 anos vista, ou para non complicarse moito a vida facerse informático, programador J2EE, community manager,programador junior…

Como xa dixen non me movía a intelixencia, senón a vocación, por iso que non foi ata 2 meses antes de rematar a licenciatura cando me din conta de que en pouco tempo non ía a saber que facer da miña vida! O camiño ata ese momento fora recto e sinxelo pero no horizonte xa podía divisar as bifurcacións, as costas arriba, as sinuosidades e os precipicios…

Obviamente inundoume a desesperación, casualmente nesa época o servizo de orientación da USC estaba dando charlas nas distintas facultades sobre os seus servizos. Ademais na mesma sesión faláronos da correcta elaboración do currículum e da carta de presentación, ferramentas que en pouco tempo nos ían a facer moita falta (por aquelas o meu currículum e o dos meus compañeiros se reducía a un triste papel sen formato nin contido, e dende logo non sabíamos que era unha carta de presentación...)




E alá fun a pedir cita coa orientadora, agora non recordo de que falamos exactamente, si sei que saín do despacho con ánimos renovados e unha redución considerable no meu nivel de ansiedade, ademais na miña bandexa de entrada do correo esperábame un feixe de enlace con información interesante a que botarlle ollo con calma.


Co paso dos meses e a medida que se me ían esgotando os currículum e as cousas que facer , así como a paciencia volvín a tropezar con outra oportunidade e en decembro inscribinme no Proxecto Persoa V na especialidade de dinamizadora xerontolóxica e en entidades do terceiro sector , un programa que dura 9 meses(tres teoría , tres práctica e tres inserción laboral) que disfrutei moito, en gran parte pola xente que coñecín, tanto os alumnos ( os meus compañeiros) como os profesionais e usuarios das entidades onde realicei as prácticas.Neste caso tamén a experiencia coa orientadora laboral foi positiva (confeso,estou nun IPI) sempre preocupada por facilitarnos información, recursos,resolvernos dúbidas e ofrecernos reunións das que saía con pequenas doses de esperanza,e moitos ánimos e ideas.


Entre medias chegoume a casa unha carta (destas que envía o servizo público de emprego sen ton nin son) para citarme cunha orientadora laboral, como son das que pensan que de todo se aprende, e correo o rumor entre nós, os desorientados, de que senón vas penaliza(eu non cobro prestación pero… máis vale previr que curar) asique alá fun! por simple reactancia bastante desganada debo admitir… Pero novamente a sensación foi boa, máis ánimos e enlaces con información de interese, no meu caso a información é poder, poder de probarse a un mesmo, poder de aprender e poder de elexir.
Por último, pero non menos importante, e novamente de mans dun curso de formación, coñecín a unha nova orientadora, esta vez eu non era a súa orientada senón a súa alumna en prácticas, pero dende logo resultou ser un novo punto de inflexión e forza no meu camiño. Debo de dicir que foi durante este mes que pasei con ela cando din  con este curso de posgrao de especialización en orientación laboral, e puiden ver que un posto como orientadora laboral non era moi diferente a un posto como psicóloga no que comprende traballar conxuntamente coas persoas no seu benestar, o traballo coa autoestima, a regulación das emocións...

Agora fai un ano e cinco meses que rematei a carreira, e dende aquela non parei un minuto de camiñar [Non son unha parada], preparei durante uns catro meses o examen PIR (esa negra sombra que nos persegue a todos o psicólogos) tamén me presentei a unha convocatoria para orientadora laboral ( caéronme por todos lados xa na fase de concurso),fixen varios cursos de formación,algúns online, outros de forma presencial traballando puntos débiles da miña formación, co obxectivo de mellorar a miña empregabilidade, tiven a sorte de poder realizar prácticas en varias entidades , o que contribuiu ao meu empoderamento ao verme capaz de facer cousas e desenvolverme nun posto de traballo,e tamén organicei de forma máis responsable e meticulosa a miña búsqueda de emprego.


Por último agora estou aquí con vos facendo este curso de orientación,xa non como desorientada, senón como orientada e orientadora. Aprendendo moitos aspectos teóricos,técnicos e metodolóxicos, así como unha chea de competencias e á vez tratando de incorporar á profesional que aspiro a ser todo o que valoro das miñas orientadoras, baixo esta posición, sentada no outro lado da mesa.



Noelia Villaverde Rozas


1 comentario: